Thursday 02 de May de 2024

Camariñas presentará no pleno a súa primeira RPT para igualar as retribucións do persoal laboral e funcionario


· O texto foi acordado cos representantes dos traballadores na Mesa Xeral de Negociación e irá a pleno o 18 de marzo para a súa aprobación inicial.

· A RPT conta co informe favorable de Intervención e Secretaría e permitirá crear unha estrutura municipal eficaz, moderna e racionalizar recursos.

· “Un dos obxectivos desta ferramenta é poñer fin ás diferencias que existían entre o persoal laboral e o funcionario, que facían as mesmas funcións pero cobraban diferente”, explica Sandra Insua.

O Concello de Camariñas presentará en pleno o 18 de marzo a súa primeira Relación de Postos de Traballo (RPT), que nace co consenso dos traballadores e traballadoras municipais e coa que o goberno local pretende cumprir o seu obxectivo de crear unha estrutura municipal eficaz, moderna e que permita racionalizar os recursos públicos.

O documento, que foi acordado cos representantes dos traballadores na Mesa Xeral de Negociación e que conta co informe favorable de Secretaría e Intervención, permite analizar, organizar e describir os recursos humanos da administración local.

Un dos grandes obxectivos que se persigue coa RPT é a funcionarización de determinados postos de traballo ocupados na actualidade por persoal laboral. “Con esta ferramenta pretendemos poñer fin ás diferencias que existían entre o persoal laboral e o funcionario, que facían as mesmas funcións pero cobraban diferente”, explica a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua.

Ademais, no documento reordenase a estrutura organizativa do Concello, descríbense as características dos postos de traballo, determínanse os requisitos que se deben cumprir para a ocupación dos mesmos e racionalízase a asignación de complementos retributivos.

Tras a ratificación plenaria, a RPT someterase a exposición pública e audiencia ás persoas interesadas para despois proceder á súa aprobación definitiva e publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP).

Sandra Insua incide en que “coa RPT cumprimos outra demanda histórica que había no municipio” e explica que “era necesario facela xa que un Concello ten que contar cunha estrutura e agora Camariñas vaina ter”.